Monday 06 de May de 2024

Posta a punto do parque infantil do Castelo


Nesta semana comezaron os traballos de acondicionamento dos xogos do parque infantil do Castelo, coa finalidade de ofrecerlles ás crianzas unhas mellores instalacións para o seu uso e desfrute.

Así, a Concellaría dos Servizos Municipais, da cal é titular a edil Estefanía Ramos (Nós Pobra), informa de que a intervención ten unha duración de dez días, durante os cales se efectuarán numerosos labores que inclúen a lixadura, a aplicación dun tratamento antióxido e a pintura das estruturas metálicas, a substitución de parafusos e a reposición dos tapóns, o cambio das cadeas e asentos das randeeiras, así como a revisión dos eixos e dos resortes, entre outros. No que respecta ao equipo combinado de integración, procédese coa reposición de tapas, e coa lixadura e a aplicación de lasur ás plataformas para a súa correcta conservación; mentres que no equipo combinado do Castelo se realiza a lixadura, o tratamento antióxido e a repintadura das partes metálicas desgastadas ou oxidadas, a limpeza de tódalas pintadas, a retirada da chapa de madeira e a reposición do metacrilato translúcido, así como volver marca-lo xogo do tres en raia.

As tarefas están sendo executadas pola empresa HPC Ibérica S.A. por un importe de 3190’77 euros, IVE incluído, con cargo ao orzamento municipal.

É unha actuación que se desenvolve coincidindo co peche dos parques infantís e biosaudábeis de todo o termo municipal da Pobra do Caramiñal debido á situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, o cal se recolle no bando da alcaldía do día 3 de abril.